A Asociación Juan XXIII de Pontevedra desenvolve o Modelo de Calidade FEAPS nos seus Centros e Servizos, sendo recentemente a primeira entidade galega do sector en obter a certificación na súa etapa "CALIDADE FEAPS" e a cuarta en todo o territorio español. 225 persoas con discapacidade intelectual, dos seus Centros de Día, Centros Ocupacionais, Vivenda Tutelada e Fundación para o emprego beneficiaranse do recoñecido modelo, baseado en calidade de vida, calidade na xestión e compromiso ético. A Federación de Organizacións en favor de Persoas con Discapacidade Intelectual (FEAPS) concedeu á entidade está acreditación despois dun rigorosa avaliación na que se destacan como puntos fortes desta a gran satisfacción de todos os seus grupos de interese, persoas, familias, voluntarios e profesionais e un alto compromiso coa Calidade e coa Ética. Esta Asociación leva máis de 45 anos dedicada á formación e promoción das persoas con discapacidade intelectual coa misión de prestar apoios e servizos de calidade ante as súas necesidades e demandas para potenciar as súas capacidades e mellorar a súa calidade de vida persoal, social e familiar. Nela trabállase por conseguir unha sociedade na que todas as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias sexan valoradas, que logren ser cidadáns plenos, con dereitos e obrigas, que pertenzan a redes sociais e que participen activamente no seu ámbito. Para todo iso, esta organización, utiliza a calidade, como estratexia clave que guía a organización no seu conxunto. A Asociación Juan XXIII entende a calidade como un compromiso ético que ofrece máis garantías de tratos e actitudes de respecto e de dignidade da persoa. Ademais deste certificado todos os seus centros cada ano son merecedores do Certificado de CalidadeAENOR que garante o cumprimento da norma UNE-EN-ISO-9001:2008. |

A Asociación Juan XXIII na procura da excelencia na atención a discapacidade intelectual
|